A medición do Gran Triángulo a principios do século XIX foi un dos fitos científicos máis importantes da súa época. Os coñecementos, a versatilidade e a resistencia fronte ás condicións adversas do Matemático Rodríguez contribuíron de maneira decisiva ao éxito da expedición, liderada polo astrónomo francés Jean-Baptiste Biot.
Durante case dous anos, o científico galego fíxose cargo de localizar, instalar e manter operativos os vértices nas illas Baleares, facendo posible as medicións, baseadas no método da triangulación. A súa participación nesta aventura científica sen precedentes axudou a establecer, naquel momento, a medida exacta do metro, a nosa unidade de lonxitude, agasallo da Revolución Francesa.
Un vídeo producido por GCiencia para a exposición da Real Academia Galega de Ciencias adicada ao Matemático Rodríguez, Científico Galego do Ano 2024.