O outono chegou con tanta forza que non foi necesario consultar o calendario, faltou con mirar pola fiestra. Volveu a choiva e con ela anticipamos eses momentos de lectura a cuberto tan idílicos destas datas. A ‘rentrée literaria’ tamén vén con forza e as autoras galegas volven ser recoñecidas. Celebramos os recentes galardóns do Ministerio de Cultura, o Premio Nacional de Poesía para Chus Pato por Sonora e o Premio Nacional de Cómic para Bea Lema por El Cuerpo de Cristo. En Praza vimos de entrevistar a Manuel Rivas pola súa nova novela, Tras do ceo, e abordamos con Nee Barros o fenómeno internacional Heartstopper, que está a piques de presentar o seu segundo volume en galego. Alberto Ramos volveu gañar o Premio Narrativa Breve Repsol, esta vez con Pirotecnia, e coñecemos a decisión da editorial Kalandraka de desvincularse do Premio Orihuela de poesía para crianzas pola negativa de PP e Vox a apoiar unha declaración institucional neste concello que pedía a anulación do xuízo que condenou a morte o poeta Miguel Hernández. As novidades editoriais non deixan de chegar ás librarías e bibliotecas e aquí seleccionamos unha ducia delas para ir pensando nas próximas lecturas.
Información de Ana G. Liste en Praza Pública