O mércores 8 de maio ás 20:00h inaugúrase no Centro Cultural A Fábrica a exposición pictórica “Terra Medida” de Alfonso Sanjurjo.
Sanjurjo, pintor coruñés; foi un artista das marxes, na súa obra predomina a xeometría como unha arte vencellada á terra. Unha arte que xorde das raíces para expandirse polo lenzo en branco nunha procura de equilibrio cromático e formal; e que seguramente sexa precisamente a procura o xesto máis importante da súa traxectoria artística chea de curiosidade, liberdade e paciencia.
A xeometría, presente en toda a obra de Sanjurjo, emerxe nesta última serie do pintor en forma de recortes rectangulares coloreados compostos en liñas horizontais que parecen querer expresar un movemento inmóbil.
A exposición que conta con catorce cadros en técnica mixta sobre táboa poderá
visitarse no Centro Cultural A Fábrica de Perillo do 8 ao 22 de maio. O horario de apertura ao público será de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas e sábados de 10:00 a 13:30 horas.