17/03/24

É Galicia un país rural, agrario e atrasado? Antón Bahamonde e Daniel Hermosilla desmontan este tópico: "A imaxe que os propios galegos creamos de Galicia como un país atrasado e sen industria fainos perder posibilidades"

Escribiu John Maynard Keynes que "a dificultade non está tanto en desenvolver novas ideas, máis ben radica en escapar das vellas". É Galicia un país urbano? Todos os datos e a realidade que vive a inmensa maioría da poboación galego amosan que é así, malia que persiste un imaxinario -propio e alleo- que segue a definir Galicia como un país eminentemente rural. É Galicia un país desenvolvido, moderno, semellante a calquera territorio da nosa contorna europea? Parece obvio que si, que Galicia é (para ben ou para mal) un país normal, como rezaba aquela xa vella campaña promocional de Vieiros de hai uns 15 anos, con debilidades e fortalezas.

Agora ben, é Galicia un país industrial? Ao falarmos de industria en Galicia, mesmo sacando de enriba estereotipos xa desbotados dun país agrario, atrasado e minifundista, veñen a cabeza os estaleiros das rías de Vigo e Ferrol, industrias de implantación como ENCE ou Alcoa ou grandes nomes de éxito como Inditex e Stellantis, pero entendidos como illas, como milagres e como excepcións nun terreo ermo, avellentado e sen futuro.

En Galicia, distrito industrial (Galaxia) Antón Baamonde e Daniel Hermosilla buscan desmontar estas ideas preconcibidas e erradas, amosando que Galicia posúe un sector industrial rico e variado, formado por unha miríade de empresas medianas e pequenas moi ben consideradas nos seus sectores, modernas, de alto valor tecnolóxico e cunha grande énfase na innovación e no deseño e moi internacionalizadas. Unha rede que xa está a cooperar entre si para xerar produtos de maior valor engadido e que conta, ademais, cun mercado local moi importante, que abrangue cada vez con máis naturalidade o norte de Portugal.

Información de Marcos Pérez Pena en Praza Pública