O Corno é a primeira película en galego, producida en Galicia e dirixida por unha cineasta galega ou afincada en Galicia que compite pola Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. É unha historia na que a sororidade entre mulleres traspasa os límites da ditadura que o impregna todo, rodada aos dous lados do Miño, entre Galicia e Portugal. Jaione Camborda, directora donostiarra que vive dende hai varios anos en Santiago, narra a viaxe persoal dunha muller que ten que refacer a súa vida de imprevisto nunhas condicións nas que nunca se vira, coa maternidade e a liberdade como temas de fondo. O Corno é a súa segunda longametraxe despois de Arima (2019) e puido estreala no Festival Internacional de Cinema de Toronto, onde foi recibida entre aplausos. A película chega ás salas de cine o 11 de outubro, pero antes poderá verse no Curtocircuíto, en Compostela, o día 3.