14/02/22

Luís Soto, discurso para un país

 Luís Soto foi moitas cousas. Foi un neno desperto nunha Galicia rural atrasada e famenta. Foi un mestre comprometido coa educación dunha sociedade pobre e analfabeta. Foi un loitador polas liberdades e un político decisivo na reconstrución do nacionalismo galego e dun discurso que o orientase, valéndose de organizacións no exilio ou de publicacións que acadaron gran prestixio, como a revista "Vieiros" unha das poucas publicacións monolingües editada na diáspora. O seu alento fixo posible a creación dunha formación política que vertebrase a conciencia nacional que aniñaba reprimida no noso pobo por mor da ditadura franquista. A UPG había ser esa expresión partidaria que co paso dos anos foi asentándose na sociedade galega. Sen o traballo constante e entregado de Luís Soto a Galicia de hoxe sería ben distinta.