05/01/22

Amadora explica a tradición de correr os reises en Fonte Ferreira (Pedrafita do Cebreiro)

 O equipo de investigación do Apalpador da Gentalha do Pichel, cedeunos este video sobre a tradición de correr os reises, desaparecida no Cebreiro e no conxunto da zona. Foi gravado no 2011 no lugar de Cileiro (Pedrafita do Cebreiro), neste vídeo fala Amadora Teixeiro, unha muller de 91 anos que lembra estas celebracións durante a súa infancia en Fonte Ferreira. 

Explica como 4 persoas vestidas de reis ían cantando por todas as casas, de aldea en aldea e acompañados pola "Carantoña" que levaba unha carauta e un xardón. Esta Carantoña era moi temida por todos os cativos, moito máis do que o Apalpador como indica ela. De feito adoitaba dar co pau, desfacer as cousas, ciscar todo polo chan... Xunto del ía o mochileiro que era a persoa encargada de pedir o aguinaldo que podía consistir en cartos ou en alimentos (xamón, queixos, chourizos). 

Segundo indican no blog "Arqueoloxía dos Ancares", en Coterces e Fonteferreira, cantaban: "Dainos, dainos un lacón/pra que veña un ano bon./Dainos, dainos do espinazo/pra que veña o mes de marzo./Dainos, dainos un pernil/pra que veña o mes d´abril...". 

 Neste blogue tamén indican que González Reboredo e Rodríguez Campos (ano 2000) fixan a decadencia destas tradicións na época da postguerra. e que a partir dos anos sesenta do pasado século XX as cabalgatas dos Reis Magos substituíron as ancestrais tradicións.