09/01/22

A vida conta

 Información de Ana G. Liste en Praza Pública

As mulleres xuntas somos máis fortes e para ser feliz é preciso tecer redes e estar acompañadas e acollidas nun espazo vertebrador no que non nos sintamos xulgadas e poidamos abrazarnos e axudarnos. Neste caso, ese lugar común para todas é o centro sociocultural das súas parroquias.

 O 13 de marzo de 2020 pechou todo, tamén os centros socioculturais do rural compostelán. E estas mulleres valentes quedaron sen o encontro que levaban moito tempo preparando, sen festa, sen actividades e sen espazo onde atoparse, abrazarse e arrouparse contra a incerteza e o medo. 

 O documental "A vida conta" recolle as testemuñas de Pilar de Figueiras, Maruja de Busto, Esperanza de Laraño, Fina de Laraño e Elena de Marantes, que contan como foi a súa vida estes longos meses de pandemia. E, nese seu relato, caben moitos outros. Porque "estamos aquí, estamos vivas aínda".