24/09/21

Vigo, barrio do mar

 Viaxe polo Centro Histórico de Vigo, o barrio da cidade que abranguía a antiga muralla. O Paseo de Afonso XII, luminoso miradoiro que marca os límites co Barrio Alto, lévanos ao barrio dos mariñeiros, onde están os tramos mais arcaicos, ata alcanzar o litoral -San Francisco e O Berbés, A Pedra e A Laxe- hoxe co mar retraído e moi transformado. 

O mundo institucional comparece no contorno da Concatedral e a Praza da Constitución, que nos conduce á Porta do Sol, linde coa cidade contemporánea. Unha xeografía encostada, dotada dunha enxeñería contundente, onde son continuas as reviravoltas entre escaleiras, ramplas e pasos elevados, camiñando abeirados por cruceiros, escudos, fontes e algunha escultura de vanguarda. Evidénciase en todo o conxunto os fortes contrastes urbanísticos e sociolóxicos, o bater desproporcionado entre o novo e o antigo. 

Estas imaxes pertencen a un documental editado en 2010, do mesmo autor. Ofrécense numerosas perspectivas aéreas, gravadas dende os rañaceos do barrio.

 © Basilio Cegarra