12/06/21

Editorial: denuncia do equilibrio

O curso 2020-2021 foi un curso moi estraño. Condicionados polas circunstancias desta longa pandemia que nos leva consumido máis de ano e medio non sabiamos, a comezos de curso, como ía evolucionar esta. En setembro aínda pensabamos na posibilidade de que volvésemos a ser confinados e tivésemos que, como no remate do curso pasado, facer uso de medios telemáticos perdendo así o necesario contacto físico na educación. Primeiro de bacharelato foi o nivel que máis padeceu estes cambios, dado que non houbo posibilidade de clases presenciais plenas. O uso dos ordenadores para un 20% do alumnado non foi unha opción idónea.
 
A pesar de todo isto observamos que o curso escolar foi transitando sen os condicionantes extremos que previamos e incluso parece que este último trimestre aliviamos as circunstancias do estado de alarma. Incluso puidemos realizar actividades fóra do instituto (Proxecto Terra, piragüismo, encontro lingüístico co IES Poeta Díaz Castro  de Guitiriz, Camiño solidario Compostela... Esperemos que as condicións melloren para o curso que vén e verdadeiramente poidamos falar dunha nova normalidade.
 
Facendo reflexión co Equipo de Dinamización Lingüística do centro observamos que, a pesar das dificultades, realizamos bastantes actividades principalmente durante estes dous últimos trimestres (día da paz, a Candeloria, o día da muller...) e que os problemas iniciais foron superándose.
 
 
 
A nova normalidade é unha necesidade xeral atendendo a cuestións sanitarias pero tamén necesaria no uso do noso idioma. Os informes publicados pola Real Academia Galega relativos á competencia lingüística do galego, principalmente no ensino privado e concertado, son moi preocupantes sobre o futuro deste. A experiencia que observamos no noso propio centro, tanto no alumnado como no profesorado, non invitan ao optimismo. A experiencia celebrada (o 24 de febreiro de 24 horas co galego) non tivo un balance positivo. A utilización no ámbito cotián da sociedade galega (xustiza, sanidade, empresa, comercio...) é practicamente nulo. 

Esta realidade invítanos a denunciar modelos potenciados pola administración como foron e son o bilingüismo harmónico, o decreto de plurilingüismo (que de tódolos xeitos se incumpren de maneira descarada en moitísimos centros educativos). Por outro lado o mito establecido, nunha parte da nosa sociedade,  sobre la imposición del gallego é unha clara falacia
 
 Un pobo pervive se protexe a súa tradición cultural e patrimonial. A defensa da paisaxe, do patrimonio histórico-artístico e tamén do inmaterial, como é a lingua propia, son rasgos a conservar, protexer e potenciar no caso do idioma, se queremos persistir como identidade nun mundo cada vez máis global e, por que non dicilo, máis colonizado en múltiplos aspectos.
 
O futuro do galego (dado o despoboamento no rural) dependerá da conciencia no seu uso dos neofalantes e é principalmente a administración educativa a que ten que fomentar esta práctica.
 
No ano das Letras Galegas dedicado a Xela Arias e  collendo emprestado o título do seu primeiro poemario, publicado en 1986, denunciamos o "equilibrio" desta falsa realidade lingüística que padecemos.