O 10 de maio de 1972 o Zeca tocou en Compostela por vez primeira o Grândola. José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos fai parte da nosa historia. O Zeca forxou un vínculo co pobo galego que vai máis alá dos concertos e das amizades. 1972 tampouco é unha data calquera en Galiza. Este ano está cheo de forza e de memoria no movemento obreiro galego tanto polo asasinato dos sindicalistas Amador Rey e Daniel Niebla cometido o 10 de marzo a mans da policía franquista como pola forza da clase traballadora no reclamo de melloras sociais e laborais. Este documentario, producido por Nós Televisión, afonda no Zeca, no 1972 e na Galiza. Esta produción non tería sido posíbel sen a colaboración de Xarda Cooperativa Galega de Comunicación e a Associaçom José Afonso Galiza.