Alborada. Rosalía de Castro
I
Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!
¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!...
¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta
porque o millo medre,
canta!
Canta porque
a luz te escoite,
canta!
Canta que
fuxeu a noite.
Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con
meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal...!
Que a
auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun
sembrante
de ouro e
prata
teñidiño
de
escalrata.
Cuns
vestidos
de diamante
que lle
borda
o sol amante
antre as
ondas
de cristal.
¡Sal...!
señora en
todo mal,
que o sol
xa brila
nas
cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a
terra de alegría;
que o sol
derrete con
amor a escarcha fría.