"Non teño un público militante e iso enorgulléceme", sostén Sés mirando con firmeza á cámara. Corenta minutos poden parecer unha eternidade nunha entrevista, mais cando a forza, o pensamento, a enerxía e o sentimento enchen cada segundo o tempo vólvese irrelevante. O único que cómpre apuntar ao respecto é que a gravación foi realizada o 30 de setembro, nove días antes de que a cantareira tivera que aprazar os primeiros concertos de presentación do disco tras dar positivo en covid-19.
Convérsase con Sés sobre Luz Fandiño, o ser hot, e non cool, as e os que soben ao escenario na praza da Quintana, a xestión cultural, a lingua galega... Fálase do pobo e, sobre todo, do oficio galego de ser cantareira.