A plataforma cidadá Queremos Galego,
que agrupa a colectivos de diferentes ámbitos e mais a persoas a título
individual, organiza para o vindeiro 17 de maio diferentes actos
reivindicativos a prol da normalización do galego, coincidindo coa
festividade das Letras Galegas. Este ano, por mor da Covid-19, non se
celebrará a tradicional manifestación polas rúas de Santiago, polo que
Queremos Galego convida a cidadanía a manifestar o seu compromiso co
noso idioma pendurando nas súas xanelas e varandas, ou subindo ás redes
sociais, diferentes modelos de carteis
co lema “Precisamos galego: xustiza, igualdade e cohesión”. A maiores, o
mesmo 17 de maio, ás 11:30 h, un pequeno grupo de persoas, en
representación da plataforma, celebrará unha ofrenda floral no busto de
Carvalho Calero en Santiago, onde se lerá o manifesto, redactado pola profesora Pilar García Negro.