11/07/26

Fran Ferreiro Chan-Abella (xornalista): "Hai unha imaxe de Galicia que é unha construción culta e cultural, fixémola para sacar cartos dos turistas"

Hai unha Galicia que non aparece nas campañas turísticas, tampouco na maior parte da literatura que se escribe no país, nin nas páxinas principais dos xornais ou noutros produtos culturais. Unha Galicia que non é bonita, que non é moderna nin cosmopolita, pero que tampouco é o rural idílico do hórreo, a vaca (limpiña, iso si) e a horta ecolóxica. Hai unha Galicia na que a xente caza, planta eucaliptos, espera con ansia as orquestras, tunea coches e con eles tenta evitar acelerando polas corredoiras os alcoholímetros de Tráfico nas fins de semana. Unha Galicia real pero nunca reivindicada nin elevada a símbolo do país. 
 
Fran Ferreiro Chao-Abella si que o fai cada quince días nos seus artigos deTáboa Redonda, suplemento cultural de El Progreso. Se cadra, máis que reivindicala, simplemente decide non pechar os ollos a esta realidade e déixase sorprender por ela. "Hai outros mundos, pero están neste", dixo nunha ocasión o surrealista Paul Éluard. Nós poderíamos dicir que están nas pezas do Galicia Noticias da TVG ou que están, simplemente, aí á beira das estradas secundarias (dende logo non na AP-9), se queremos mirar para eles. E facelo sen condescendencia nin superioridade moral.