15/07/23

Sérgio Tannus: "Ser brasileiro con acento galego é o mellor que me pasou na vida"

Sérgio Tannus é ante todo alegría, vitalidade, ponte. Chegou á Galiza despois de coincidir no seu país cos músicos Uxía, Pepe Sendón e NARF. Foi precisamente Fran Pérez quen lle advertiu: “Sérgio, o día que ti veñas á Galiza, non retornas ao Brasil máis”. E así foi. Canta, compón, toca e colabora con boa parte dos artistas galegos que constrúen día a día ponte coa lusofonía. Defínese a si mesmo como un brasilego total. A súa alma brasileira éncheo todo, pero sempre en continua aprendizaxe e fusión cos ritmos, acentos e maneiras de ser que hai aquí. Tannus está a piques de rematar un novo traballo discográfico, adicado ás mulleres e fiado pola poeta Rosalía Fernández Rial. Levará de nome Saga. 
 
Conversamos con el sobre como será este CD, pero tamén sobre toda a súa traxectoria musical e a súa filosofía de vida. Facémolo sentadas na parte de abaixo da Casa das Crechas, en Santiago de Compostela. Un lugar máxico, testemuña directa ao longo dos anos de boa parte dos pasos que foi dando na nosa terra.