06/04/23

Galiverso somerxido: como se fixo

«Galiverso somerxido» é unha viaxe única para descubrir o patrimonio galego oculto baixo as nosas augas. Montados nun batiscafo e coa axuda das lentes de realidade virtual, exploramos os fondos mariños da costa galega, aprendendo sobre a fauna e flora que habita neles, así como sobre episodios históricos singulares nos que o mar foi protagonista. 

A produción do Galiverso somerxido supuxo importantes retos para a captura das imaxes submarinas: pouca visibilidade, inmersións a gran profundidade (ata 38 metros), limitacións de tempo de traballo (10 minutos por cada inmersión), o deseño dunha cámara 360º con carcasas específicas para a gravación en estéreo e tamén a creación en 3D do batiscafo virtual desde o que se vive a experiencia. 

Superar estes desafíos implicou a participación de expertos de diversos ámbitos: submarinismo, historia da arte, comunicación e divulgación, bioloxía, arte dixital, patrimonio, etc., dando como resultado unha experiencia de realidade virtual como nunca antes se fixo en España. Realizáronse un total de 18 inmersións en 12 xornadas que incluíron probas de iluminación, a fotogrametría de máis de 200 m² do fondo mariño e vídeos en 360º realizados con distintos tipos de cámaras e un ROV submarino.