Desde moi nova Teresa Táboas é consciente da importancia do territorio na conformación da identidade galega. Filla de emigrantes galegos, nace na cidade de México, aínda que a familia mantén un contacto constante con Galiza.
Fórmase a cabalo entre dúas realidades moi distintas, mais sempre cun apego moi forte á terra na que se acabou por desenvolver profesionalmente. De firmes conviccións nacionalistas, Táboas foi, desde agosto de 2005 até abril de 2009, Conselleira de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza durante o goberno de coalición do PSdeG co BNG.
Foi a primeira muller en acceder ao cargo de Decana-Presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a segunda muller Conselleira Titular do Consello Superior dos Consellos de Arquitectos de España desde 1931.
En xullo de 2021 é electa membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos.
Nós Televisión reúnese con ela na Biblioteca do Museo do Pobo Galego para falar de nacionalismo, xestión institucional, a importancia de seguir rachando o teito de cristal e os desafíos territoriais aos que se enfronta o noso país.