Que as empresas deben enraizarse na realidade territorial e cultural do país no que están asentadas é un feito constatable, e en Galicia son cada vez máis as que practican esa filosofía económica. Os produtos galegos son recoñecidos nos mercados pola gran calidade da súa materia prima; se a esa calidade engadimos a lingua galega nas etiquetas e publicidade estaremos creando unha marca propia definitoria dunha maneira de ser e de facer.
Porque o plurilingüísmo é un feito que define un mundo diverso e poliédrico onde as empresas para ser diferenciadas nos mercados e non perderse na globalidade, deberán sinalar a súa produción cunha marca de calidade propia, e o uso da lingua galega na etiquetaxe forma parte desa marca diferenciada.
Presentar á cidadanía os produtos que saen da terra etiquetados na nosa lingua é un plus de identidade que o consumidor agradece e apoia, porque reforza e valora os esforzos dos produtores por achegar aos consumidores produtos de calidade.
A campaña O Sabor da Galeguidade acerca á cidadanía a varios produtores galegos que apostan pola lingua galega para etiquetar os seus produtos de alta calidade, poñéndoos nos mercados nacionais e internacionais cun marchamo de identidade como garantía de orixe.