O Monte Pindo, monte sacro dos nosos antepasados celtas, é un macizo granítico sito no Concello de Carnota, ao sur da Costa da Morte. As súas características únicas, e ao atoparse enmarcado entre a praia de Carnota ao sur, a máis longa de Galiza, e o Coaduiro do Xallas ou fervenza do Ézaro ao norte, a única da Europa continental que cae directamente sobre o mar, convérteo nun dos espazos naturais máis importantes da nosa xeografía, e merecedor, na nosa opiinión e cada día na de máis xente, da declaración de Parque Natural, co que sería o primeiro da Costa da Morte.
Con ese obxectivo nace a Asociación Monte Pindo Parque Natural o 19 de outubro de 2010. Mais sabendo que non sería fácil, nada facía sospeitar que a única resposta por parte da Xunta de Galicia sería a negativa e o abandono absoluto das súas competencias no que ten a ver con este espazo. Por iso Monte Pindo Parque Natural comezou unha andaina de reivindicación pero tamén de suplir a inacción administrativa neste espazo con ducias de iniciativas de todo tipo tanto para a divulgación como para a investigación e protección das virtudes deste espazo natural. Unha das iniciativas máis recentes e máis felices foi o Proxecto Trekker Monte Pindo, onde da man de Google puidemos mapear coa mochila Trekker a práctica totalidade dos camiños de sendeirismo non só do Monte Pindo senón de todo Concello de Carnota, incluíndo un fascinante percorrido costeiro en barco. Para explicar como xestamos e desenvolvemos a iniciativa, decidimos encargar un documental sobre o proxecto.
O ilusionante encargo recalou no cineasta Miguel Mariño, quen tras o seu nomeamento como director da Academia Galega do Audiovisual, deixou o proxecto en mans de Guillermo Ascanio. Do froito do bo facer de ambos nace esta peza audiovisual que xa forma parte da historia da nosa entidade e do noso Concello.