O martes, día 20 de xullo, ás 19 h, farase unha visita guiada á exposición 1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Pazo Municipal, comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro.
A mostra conta cun módulo de banda deseñada histórica realizada por Manel Cráneo e Manuel López Poy, e debuxada por Alberto Taracido e Rubén Rial. Un cómic que permite entender a evolución da bandeira galega desde finais do s. XIX ata 1921, ano no que se iza por primeira vez nunha institución.
O Concello da Coruña foi a primeira institución pública en Galiza que aprobou izar a bandeira galega o 25 de xullo de 1921, a proposta do concelleiro nacionalista Lois Peña Novo e estando de alcalde o republicano Antonio Lens Vieira. Para completar a proposta expositiva, unha selección de ilustradores e ilustradoras, a plataforma Coruña Gráfica, ofrecen a súa homenaxe artística e persoal á bandeira galega. A visita guiada será realizada polo seu comisario Manel Cráneo. A exposición está en María Pita, na sala de exposicións do Concello.