31/05/21

IES Monelos: matrículas de honra en feminino

Entrevista ás alumnas matrícula de honra en bacharelato no curso 2020-2021
 
A maioría dos estudantes pensan -e non sen razón- que segundo de bacharelato é un curso no que case é imposíbel sobrevivir. Porén, hoxe puidemos traermos con nós a seis mozas que conseguiron non só superalo, senón que ademáis acadaron  matrícula de honra. 
Nesta entrevista vannos dar algúns consellos e trucos para poder superar segundo da maior maneira posible e tamén nos contarán como se senten ao lograr unhas cualificacións tan altas tras máis de oito meses de esforzo. 
Entran enerxicamente pola porta da aula onde as esperamos para entrevistar Fátima Otero, Uxía Quintela, Nuria Ferraz, Lorena Rodríguez, Julia García e Rita Rodríguez, as superalumnas do Monelos! 
 
De esquerda a dereita: Rita Rodríguez, Fátima Otero, Nuria Ferraz, Lorena Rodríguez, Uxía Quintela e Julia García.
 
 
 - Onde credes que estivo a vosa clave de éxito nestas cualificacións das materias?
 
 Estudar, interesarse polo que fas e estar atenta na clase, opina Julia. Rita engade que hai que estar 6 horas no instituto, e que o mellor que se pode facer é aproveitalas para ter que facer menos na casa. Por outro lado, Julia comenta que, cando estás na clase e alguén pregunta algo, o mellor é estar atentos, xa que probablemente teñas ti a mesma dúbida sen sabelo. 
 
 - Cantas horas adicábades ao estudo? 
 
Lorena afirma que depende moito dos exames que teñas, non é o mesmo ter un na semana que catro. Fátima argumenta á sua compañeira exemplificando que ás veces podes estudar unhas dúas horas ao día cando hai unha baixa carga lectiva pero, se estás nunha fin de semana á que lle seguen moitos exames, podes chegar ata as 6 ou 7 horas. Rita resume dicindo que o principal de todo isto baséase en “coñecerte a ti mesm@”, xa que non vas ter as mesmas dificultades cunhas asignaturas que con outras.
 
 - É compatible o estudo a este nivel que realizastes con outros aspectos da vida: relación de amistades, ocio, outras afeccións…?  
 
Como inciso, todas comentan que hai que ter en conta o factor coronavirus nestes tempos que corren, pero chegan á conclusión de que é compatible e incluso necesario; pois “non te podes pechar na casa”, precisa Rita, que explica que é necesario ter algunha vía de escape como distracción. 
 
 - Agora estades preparando as ABAU. Pensades que seguirán acompañando os bos resultados?
 
 Entre moitas risos, todas amosan a súa confianza en que así sexa.
 
 - Que tipo de estudos pretendedes facer a partir de agora?  
 
Sen pensalo dúas veces, Rita e Julia desexan facer a carreira de Dereito. Polo lado das ciencias, Fátima, Uxía e Nuria expresan que elas están interesadas en facer algo relacionado coas ciencias da saúde principalmente con Medicina. Por outra banda, no lado máis cuántico das entrevistadas, Lorena quere ser unha futura astrofísica, algo moi orixinal según din o resto das compañeiras.
 
 - Como valorades a formación impartida neste centro?  
 
En xeral consideran que a maioría está moi ou bastante implicados no labor docente. Rita en concreto valora moi positivamente que todos estén centrados nas probas ABAU ás que se terán que enfrontar. 
 

 
 
 - Que todas as matrículas sexan dadas a alumnas é unha casualidade? 
 
Tras unha rápida reflexión, todas están de acordo con que non é unha casualidade. Rita afirma, sen xeneralizar -xa que admite que tamén hai alumnos bos- que en todos os anos que levan no instituto (algunhas seis, outras dous), as mellores notas foron sempre maioritariamente para mulleres. Julia conclúe a entrevista dicindo que ás veces a diferenza dábase con algún punto máis en algunha asignatura, pero se grandes diferenzas.
 
Esperamos que os éxitos académicos, profesionais e persoais sigan acompañando na vosa vida.

Marta Justo Brañas e Marco Castro Fontela (1º BAC C)