23/11/20

E falarei como eu queira, ou? | Esther Estévez | LGx15

 Intervención de Esther Estévez no LGx15 de 2020. Preséntase da seguinte maneira:

 
--- Dende que comezamos co Dígocho Eu vivo nunha guerra constante comigo: intento corrixirme e usar o máximo vocabulario normativo para dar exemplo, e por outra parte, fágome correccións cando digo algo que pode deixar nun segundo plano os meus trazos dialectais. En calquera caso, creo que temos moitísima sorte por ter tal riqueza na nosa lingua e ao mesmo tempo tamén penso que temos sorte por ter dicionarios aos que acudir cando temos dúbidas sobre o estándar. Así que, loxicamente, nunca direi “non digas” con algo que teña que ver cos trazos dialectais. Pero non debemos usar isto para xustificar o “pois eu sempre o dixen así e non o vou corrixir. Falarei como eu queira, ou?”. 
 O proxecto do Dígocho Eu ensina galego normativo e intenta facelo atractivo. É importante ensinar galego para depuralo un pouco de castelanismos, pero tamén para que se lle colla cariño e se fale moito máis. Facer atractivo aprender galego é difícil porque facer atractivo aprender case calquera cousa é difícil. Cando comezamos con este proxecto non sabiamos que acabaría collendo a forma que ten. Nós mesmos tivemos que aprender a como espertar interese pola lingua. Hai moitas formas, pero a máis destacable é que sempre intentamos xogar co factor sorpresa para fuxir o máximo posible dos libros de texto. --- Son Esther Estévez, teño 22 anos e son de Verín. 
Traballo no departamento de Contidos Web da TVG dende setembro do 2019 e son a do #DígochoEu dende xaneiro de 2020. Estudei Xornalismo en Santiago de Compostela. Fixen prácticas nos informativos da Radio Galega no verán do 2018. Nese inverno estiven como voluntaria no equipo de comunicación do Festival Internacional de Curtas de Verín e entre abril e agosto do 2019 fixen prácticas en Nós Televisión. --- #LGx15
Ideas para o futuro da lingua | www.lgx15.gal | Sala Agustín Magán | Centro Sociocultural de Santa Marta | Santiago de Compostela | 3 de outubro de 2020 | Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) | www.ctnl.gal