30/10/19

Tempo do Samaín... ou o Halloween?

Dúas festas cunha orixe común pero cunha evolución diferente

Galicia estivo habitada dende tempos remotos. No paleolítico vivían os Oestrimnios. Máis tarde, hai uns 3.000 anos, empezaron a chegar as primeiras tribus celtas. Este pobo trouxo importantes avances técnicos como a metalurxia do ferro e tamén as súas crenzas. 
Os celtas eran politeistas (adoraban a diferentes deuses que representaban as forzas da Natureza e as condicións do espírito: bondade, sabedoría, guerra, lume as batallas...).
A noite do 31 de outubro ao 1 de novembro marcaba para os celtas o inicio do novo ano. Crían que era unha noite máxica na que as almas dos defuntos podían volver ao mundo dos vivos para visitar aos seus familiares ou para arranxar contas pendentes. Para alonxar os malos espíritos expoñían nas entradas dos seus castros as caveiras dos inimigos derrotados nas batallas.
Os celtas eran orixinarios da Europa Central, pero como eran pobos de feros guerreiros, foron quen de ampliar o seu territorio até abarcar gran parte de Europa, incluída a nosa terra e a maioría da península Ibérica. Con eles levaron as súas crenzas, entre elas a noite do Samaín.
Máis tarde, no 226 a.C., chegou á península outro pobo moi forte militar e culturalmente: os romanos.






OS ROMANOS
Costoulles moito conquistar aos celtas, pero ao final foron quen de impoñer a súa cultura, incluídas as súas crenzas. Tamén eran politeístas e, co paso do tempo, a celebración da noite máxica dos defuntos do 31 de outubro foi substituída polo culto a Pomona, a deusa romana da colleita.
Tempo despois, as crenzas politeístas foron substituídas por unha nova relixión que se expandíu polo Imperio romano: o cristianismo.
Nese momento adaptáronse as antigas festividades ás crenzas; no caso da festa do 1 de Novembro pasouse a celebrar o día de tódolos santos
Máis tarde viñeron outros pobos, como os suevos no 411 d. C.,... Por outro lado a través dos séculos seguimos recibindo influencias de moitas zonas de Europa, en gran parte gracias ao Camiño de Santiago dende finais do s. VIII.
 Mentres pasaba isto en Galiza, noutras terras veciñas, como Irlanda e os países centroeuropeos, acontecía algo parecido: foron chegando pobos con crenzas e costumes moi diferentes nalgunhas cousas e moi parecidos noutras.
No caso de Irlanda a influencia celta foi moi forte, xa que é un dos lugares onde chegaron máis tribus celtas. Por iso mantiveron moitas tradicións desa orixe. No que respecta á festa do 1 de novembro, alí cambiáronse as caveiras prehistóricas por nabos baleiros decorados para meter medo cunha candea dentro.
A mediados do s. XIX (1845), fuxindo da fame e a superpoboación no seu país, moitos irlandeses emigraron a Norteamérica.
 Con eles levaron os seus costumes, entre eles a celebración da noite de Samín herdada dos ancestros celtas.
En América comezaron a empregar cabazas, porque era moito máis abundantes. Halloween ou Allhallows son xeitos de designar en inglés a festividade relixiosa de Tódolos Santos.
Os estadounidenses comezaron a celebrar esta festa por influencia dos emigrantes europeos. De feito, á cabaza tallada chámanlle Jack-O-lantern por unha lenda de orixe irlandés.
Durante o século e medio de tradición en EE_UU. esta festa derivou nun entroido de outono (eles non celebran, por outro lado, o entroido).
En Galiza a festa do 1 de novembro tamén foi variando e enriquecéndose con cada novo pobo que habitou aquí.
Según nos contan as persoas maiores, moito antes de oírmos falar por estas terras do Halloween, nalgunhas partes de Galiza, a xente xa adoitaba baleirar, nabos primeiro e logo cabazas, para poñerlle candeas dentro e asustar aos veciños polos camiño.
 Se este costume se mantivo dende a Idade de Bronce (época dos celtas) ou se se perdera e volveu máis tarde, a través dalgunha das moitas influencias que recibimos ao longo da historia, seguramente é algo do que probablemente nunca poderemos estar certos.
Do que si temos certeza é da existencia doutras moitas tradicións para esta época do ano que sí chegaron até os nosos días. As máis amplamente extendiadas son a celebración dos Magostos e a visita aos cemiterios para adornalos en homenaxe aos nosos defuntos. En diferentes lugares de Galiza teñen costumes como deixar un prato na mesa para os defuntos, non barrer a cociña esa noite para non molestar ás ánimas, etc, etc. 
Curiosamente, nos últimos tempos a antiga festa que levaran a América os emigrantes, e que xa se perdera en Europa, volve a extenderse por todo o mundo transformada nun poderoso fenómeno comercial gracias á forte influencia da industria cinematográfica norteamericana, ao fenómeno de Aldea global e aos numerosos e moi poderosos intereses creados para fomentar un foco máis de consumo.